Gears 5 chegará acompañado por hardware de edición limitada

martes, 6 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A franquía de Gears of War é unha das grandes bazas de Microsoft para o presente ano co seu agardado Gears 5, que non chegará só, senón que virá acompañado con edicións especiais das diferentes consolas Xbox One que veñen de darse a coñecer, para que os interesados en facerse con elas poidan proceder á súa reserva.
Resulta especialmente rechamante a Xbox One X de 1 TB edición limitada que, aparte de incluír a versión de luxo do xogo Gears 5, ten un espectacular deseño no corpo da consola que busca simular o logotipo da franquía somerxido en xeo, á vez que tamén conta cun mando sen fíos cun deseño neve prata con detalles cosméticos que fan que sexa claramente un produto da saga Gears e que tamén poderase mercar por separado a partires de dentro de dúas semanas por 64,99 euros. Esta exclusiva Xbox One X chegará ás tendas o 6 de setembro,
Para os que non queiran unha Xbox One X en cor branco, tamén estará dispoñible unha edición en negro co Gears 5 incluído a un prezo recomendado de 499,99 euros, que chegarás ás tendas o 10 de setembro, data na que tamén sairá á venda unha versión da Xbox One S de 1 TB en cor branca co Gears 5 por 299,99 euros.
Estes lotes de consolas con xogo tamén incluirán o xogo Gears of War Ultimate Edition e os xogos completos de Gears of War 2, 3 e 4, ou sexa, que serán un conxunto moi atractivo para quen queira introducirse de vez na franquía.
Outros produtos inspirado en Gears 5 que sairán en setembro á venda son os auriculares Razer Thresher para Xbox One (auriculares sen fíos que prometen son envolvente sen retardos e un micrófono que capta a voz con grande nitidez), o conxunto de rato e teclado Razer Turret para Xbox One (tamén compatible con PC) e o disco duro externo Game Drive de Seagate con 2 TB de capacidade e o logotipo de Gears of War somerxído en xeo.
Cómpre lembrar que a data de lanzamento de Gears 5 é o 10 de setembro, pero os usuarios que se fagan coa súa edición de luxo terá acceso anticipado ao xogo 4 días antes.

Vídeo promocional da edición limitada da Xbox One X de Gears 5

PUBLICIDADE