Gears 5 xa está á venda para Xbox One e PC

martes, 10 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Rematou a espera para os seareiros da franquía Gears of War, e xa está aquí o agardado Gears 5, que promete ser a mellor entrega desta serie, tras a decepcionante Gears of War 4, e que tanto pode mercarse como xogo independente para Xbox One e Windows 10 como xogarse cunha subscrición de Xbox Game Pass, converténdose no grande reclamo para este servizo de Microsoft (que tamén inclúe o resto de xogos da serie).
Esa nova entrega ofrece 5 fantásticos modos de xogo e a campaña máis profunda até o momento. Así, na Campaña teremos que superar unha complicada situación na que o enxame corrompeu ao exército robot da Coalición e este ataca as cidades humanas; en Escape teremos un modo cooperativo no que tres xogadores deben fuxir da colmea eliminando aos inimigos dende o interior; en Enfrontamento poderán competir equipos en distintos tipos de xogo e mapas tanto clásicos como novos; na Horda haberá que sobrevivir a vagas de inimigos e xefes cada vez máis fortes; e incluso teremos un creador de mapas.
Quen merque o xogo (ou bote unha partida no caso de contar con Xbox Game Pass) antes do 16 de setembro recibirá o lote de personaxes do filme Terminator Dark Fate (que ten prevista a súa estrea española para o 1 de novembro), que inclúe aos personaxes de Sarah Connor e o Terminator T-800 (modelo encarnado por Arnold Schwarzenegger).

Tráiler de lanzamento de Gears 5

PUBLICIDADE