Gears of War 2 supera as reservas da súa primeira entrega

xoves, 16 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Dá a impresión de que as consolas de videoxogos de nova xeración están a vivir de rendas, pois os seus títulos de máis éxito son novas entregas de títulos que trunfaran na xeración anterior, pero xa comezan a chegar secuelas de xogos nativos da nova xeración, coma é o caso de Gears of War 2, que chega ás tendas de todo o mundo o 7 de novembro, e dende EE.UU. agardan unhas fortes vendas, polo que 20.000 establecementos abrirán as súas portas a medianoite para atender a demanda dos compradores máis impacientes, xa que o xogo de Epic Games superou as reservas das súa primeira entrega publicada en 2006 e que en todo este tempo acumulou unhas vendas de 5 millóns de unidades (o que ten especialmente mérito por ser un título para unha consola de novo lanzamento, cun parque de equipos moi reducido).
Gears of War fora un dos videoxogos máis reservado para Xbox 360, superado só por Halo 2, polo que agora haberá que ver se esta nova entrega aproveita o pulo inicial para situarse entre os grandes lanzamentos do ano.
Gears of War 2 continua coa historia de Marcus Fénix e o Escuadrón Delta do anterior xogo, na súa batalla contra a horda Locust pola supervivencia da Humanidade, que podería volver a converterse nun referente neste tipo de xogos, e podería continuar a avanzar no uso do motor Unreal Engine 3 que tanto xogo está a dar.

PUBLICIDADE