Gears of War: Ultimate Edition poderá mercarse en lote cunha Xbox One

venres, 10 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Durante a feira E3 Microsoft anunciou o xogo Gears of War 4 para Xbox One, e para permitir que os xogadores da súa consola poidan levar mellor a espera a tal prometedor título, adiantaron que o 25 de agosto vería a luz unha remasterización da primeira entrega da saga para Xbox One (e PC), Gears of War: Ultimate Edition, da que estes días están a amosarse novos detalles na Comic Con de San Diego, como un vídeo no que explican como se recrearon as súas secuencias cinemáticas, e aproveitando a ocasión tamén anunciaron que haberá unha edición especial da consola de Microsoft.
Deste xeito, o vindeiro 25 de agosto teremos dispoñible un lote de Xbox One con disco duro de 500 GB, o novo mando sen fíos con toma para auriculares, Gears of War: Ultimate Edition en formato descargable, acceso anticipado á beta multi-xogador de Gears of War 4, a pel Superstar Cole para o multixogador e 14 días de proba para Xbox LIVE, que xa pode reservarse nos EE.UU. a un prezo de 349 dólares, e que supón unha boa oportunidade para facerse coa consola de Microsoft antes da campaña de Nadal, que virá acompañada polo mellor catálogo de xogos exclusivos deste ano (situación que Microsoft quere explotar para recuperar posicións fronte á PS4).


Vídeo no que amosan como se refixeron as cinemáticas do xogo

PUBLICIDADE