God of War 3 contará cunha impresionante edición de coleccionista

venres, 30 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Os seareiros do espartano Kratos deberán comezar a separar uns cartiños para a chegada de God of War III, especialmente porque, contará cunha edición de coleccionista realmente atractiva, que inclúe unha réplica da Caixa de Pandora e un libro de arte do xogo, á vez que abre o acceso a contidos dixitais exclusivos: God of War Combat Arena (modo de xogo cun novo escenario e 7 desafíos), un skin exclusivo para Kratos chamado Dominus, o documental God of War: Unearthing the Legend Franchise e unha homenaxe musical (God of War: Blood and Metal EP). O prezo que vai ter esta edición nos EE.UU. será de 99,99 dólares, polo que é de agardar que o seu prezo europeo estea preto dos 100 euros.
Amais, os usuarios da PlayStation 3 que non puideron probar en persoa a demo deste agardado xogo durante o E3, a Gamescom, o Tokyo Game Show e outras feiras de videoxogos que tiveron lugar no presente ano, Sony ofreceralles a posibilidade de recibir no seu correo electrónico un cupón para facilitar a súa descarga, para o que hai que subscribirse ao boletín promocional de Sony Computer Entertainment Europe (o que poden facer dende a súa configuración de conta na PlayStation Network).

PUBLICIDADE