God of War chegará a PS4 o 20 de abril

martes, 23 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Un dos grandes xogos exclusivos para PlayStation 4 previsto para a primeira metade do ano, God of War, por fin ten unha data de lanzamento concreta, e aínda que había esperanzas de que puidese ver a luz no primeiro trimestre de 2018, finalmente non chegará ás tendas até o 20 de abril, estando dispoñible en varias edicións atendendo así as ansias coleccionistas dos seareiros de Kratos.
A edición básica do xogo en Blu-ray terá un prezo recomendado de 69,99 euros, o mesmo que a edición dixital deluxe, ou sexa, que a compra en dixital recibirá numerosos contidos descargables adicionais para equipar aos personaxes do xogo.
A edición limitada chegará a un prezo de 79,99 euros cun disco Blu-ray co xogo en caixa metálica, un libro de arte e tres contidos dixitais exclusivos, mentres que os máis fieis seareiros do Deus da Guerra terán que aboar 149,99 euros se queren facerse coa edición coleccionista que incluirá o xogo en caixa metálica, un cómic dixital, un libro de arte dixital, contidos descargables adicionais, unha litografía exclusiva, un mapa de tea, un par de figuras dos irmáns Huldra de 2 polgadas e unha impresionante estatua de Kratos e Atreus de 9 polgadas.
Lembremos que esta nova aventura de Kratos non será como ás que estamos afeitos, pois desta volta afástase da mitoloxía grega para somerxerse na nórdica, e o protagonista estará acompañado polo seu fillo Atreus, o que supón un cambio de narrativa e mecánicas de xogo moi importantes, como denotará o feito de que o protagonista do xogo non poida saltar nesta entrega que podería marcar o punto de partida dunha saga de éxito.
O novo God of War adopta unha estética propia da cámara en man, achegando moito a acción, de xeito que poderemos ver de xeito máis detallado a brutalidade dos combates contra monstros, criaturas e mesmo deuses.

Novo tráiler de God of War que presenta a historia deste traballo de Santa Monica Studios

PUBLICIDADE