God of War é o exclusivo de PS4 que máis rápido vendeu

venres, 4 de maio do 2018 Marcus Fernández

Que God of War é un dos grandes lanzamentos do ano é algo evidente, podendo entenderse que será o título exclusivo máis importante da primeira metade do ano, pero os datos de vendas parecen confirmalo, e Sony anunciou que xa é o exclusivo de PlayStation 4 que máis rápido vendeu, con 3,1 millóns de unidades vendidas en todo o mundo durante os seus 3 primeiros días (do 20 ao 22 de abril).
O éxito deste lanzamento é importante xa que revalida a aposta realizada por Santa Monica Studio, mudando non só a ambientación da saga (pasando da mitoloxía grega á nórdica), senón tamén por incluír profundos cambios en mecánicas de xogo, de xeito que temos unha saga completamente renovada en narrativa, control e experiencia global, no que podería considerarse todo un proceso de maduración que conseguiu callar, o que non sempre acontece cando unha franquía explora novas posibilidades.
O novo God of War está a ter unha valoracións por parte da crítica sumamente positivas, e o público tamén está a reaccionar moi ben, de xeito que hai unanimidade ao considerar que estamos ante un dos títulos imprescindibles para PS4.

PUBLICIDADE