Google Maps mellora en CarPlay e volve ao Apple Watch

luns, 10 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Os dispositivos móbiles de Apple en moitos territorios ofrecían unha experiencia de mapas bastante mellorable, xa que Apple Maps non funciona especialmente ben fóra de EE.UU., mentres que Google Maps non tiña unha integración todo o boa que se puidese desexar, o que vai corrixíndose pouco a pouco, e agora anuncian novos xeitos de gozar dos mapas de Google en iOS.
Temos así que Google Maps está agora máis accesible nos coches e nos reloxos de pulso, xa que agora a aplicación de Google Maps para CarPlay é compatible coa pantalla partida, de xeito que podemos empregar os mapas de Google á vez que controlamos a reprodución multimedia ou comprobamos unha cita na axenda. No caso do Apple Watch recupérase a posibilidade de usar a navegación de Google directamente dende o reloxo, cando imos a pé, en bicicleta, en coche ou en transporte público. A aplicación do reloxo ten atallos aos nosos destinos frecuentes, mentres que para outros destinos podemos iniciar a navegación no móbil e continuala no reloxo.

A última actualización de Google Maps permite empregar aplicacións multimedia (e algunha outra máis) sen perder de vista a navegación.

PUBLICIDADE