Google Maps permite consultar o nivel de contaxios da COVID-19 por territorios

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos meses proliferaron as fontes de datos relativos á COVID-19 e dende Google decidiron que era unha boa ocasión para combinar tal información cos seus mapas, de xeito que a partir desta mesma semana é posible visualizar unha nova capa de datos na versión de Google Maps para iOS e Android.
A capa Datos de COVID-19 dispoñible nos mapas de Google presenta o número de casos novos por cada 100.000 habitantes (nomeadamente a media dos últimos 7 días) achegados da Wikipedia, The New York Times e o Centro para Sistemas de Enxeñaría e Ciencia (CSSE) da Universidade Johns Hopkings. Esta información amósase como texto sobre cada rexión con datos, á vez que tal territorio presenta unha cor que axuda a distinguir a densidade de novos casos de xeito doado.
No caso español a información recóllese por comunidades autónomas, polo que ten unha utilidade bastante limitada, servindo basicamente como unha ferramenta de visualización para facerse unha idea do nivel de contaxios na nosa xeografía ou nos países do noso contorno, aínda que cómpre salientar que a capa de visualización non ten un comportamento moi consistente, e en moitos casos presenta diferentes datos en función no nivel de zoom que realicemos (por exemplo, Galicia alterna entre 6,5 e 8 casos novos por 100.000 habitantes e Madrid entre 50,4 e 59,2).

A nova capa de Google Maps permite facerse unha idea do nivel de incidencias da COVID-19 por países e comunidades autónomas

PUBLICIDADE