Google Play Pass chega a España

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

As grandes compañías tecnolóxicas cada vez son máis partidarias dos servizos de subscrición, e no caso de Android o ano pasado lanzaron en EE.UU. o Google Play Pass, servizo que por fin está dispoñible en España a un prezo de 4,99 euros/mes ou 29,99 euros/ano, permitindo que o seu uso con até 5 membros da familia, de xeito que pode verse como unha interesante opción para fogares que queiran gozar de centos de xogos e aplicacións dun selecto catálogo en constante crecemento.
Google Play Pass chega para competir con servizos como Apple Arcade, pero sen limitarse aos videoxogos, ou sexa, que aparte de poder contar con títulos como Sonic the Hedgehog, Levelhead ou Stardew Valley sen anuncios, compras na aplicación ou pagamentos por adiantado, tamén ofrece aplicacións de utilidade como Photo Studio Pro.
Co anuncio deste lanzamento español adiantan que en breve terá os xogos The Gardens Between e Kingdom Rush e antes de rematar o ano tamén recibirá Bright Paw de Rogue e Line Weight de The Label.
Resulta bastante difícil prever a aceptación que vai ter este servizo, especialmente despois do que moitos consideran un fracaso de Apple Arcade (que non conseguiu manter o pulo da súa estrea ao longo do tempo), pois para convencer aos usuarios para manter unha subscrición é preciso contar con grandes reclamos que se renoven con frecuencia para conseguir a fidelización que faga que o servizo manteña un nivel de usuarios que o faga sustentable a longo prazo.

PUBLICIDADE