Google Play Pass ofrecerá máis de 350 aplicacións e xogos por 4,99 dólares/mes

luns, 23 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días botou a andar Apple Arcade, un servizo de xogos que mediante unha subscrición de 4,99 euros/mes facilita o acceso a preto dun cento de xogos para dispositivos de Apple, pero dende Google levan tempo preparando un servizo semellante, aínda que moito máis completo, que finalmente presentouse nos EE.UU.: Google Play Pass.
Este novo servizo non se limita aos xogos e así, por 4,99 dólares/mes ofrece o acceso a máis de 350 aplicacións e xogos, entre os que figuran grandes creacións como Stardew Valley, Risk, Monument Valley 2, LIMBO, Facetune ou AccuWeather, prometendo Google a incorporación de novos xogos e aplicacións cada mes.
O servizo iniciará en breve a súa expansión internacional, e para animar á súa subscrición, promocionalmente ofrécese a un prezo de 1,99 dólares/mes durante o primeiro ano.
Aínda que a oferta parece moi superior á de Apple, non podemos obviar o feito de que Google Play Pass só é compatible con dispositivos con Android, mentres que Apple Arcade tamén funciona en ordenadores persoais e en dispositivos Apple TV, polo que é un servizo máis completo en plataformas (aínda que non en catálogo).
Os subscritores de Google Play Pass poderán compartir a súa subscrición con até 5 membros da súa familia, que terán un acceso individual ao servizo.

Vídeo de presentación de Google Play Pass

PUBLICIDADE