Google atrévese a lanzar un Chromebook de alta gama

xoves, 21 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Dende Google levan un tempo intentando, sen éxito, introducir no mercado os seus portátiles Chromebook, que pretenden satisfacer aos usuarios pese ás súas limitadas prestacións optando por orientar os seus usos á nube, chegando estes equipos da man de varios fabricantes (Samsung, Acer, Lenovo e HP), pero finalmente a compañía de Mountain View decidiu aspirar a algo maior, cunhas prestacións dignas de erguer a cabeza, o novo Chromebook Pixel.
Este novo portátil supón a reformulación do portátil para combinar a potencia do seu hardware coa súa orientación á Internet e pretendendo achegar a mellor experiencia web posible. Para comezar, o Chromebook Pixel chega cunha pantalla de 12,85 polgadas cunha resolucíón de 2.560 x 1.700 píxeles, o que supón unha densidade de 239 puntos por polgada, mellorando ás pantallas Retina dos portátiles de Apple, o que un importante punto ao seu favor (especialmente se temos en conta que é multitáctil e conta con protección Gorilla Glass).
O corpo do Pixel é dunha aliaxe de aluminio anodizado (característica que dótao de grande resistencia), os seus parafusos e grellas de ventilación pon se perciben a simple vista e os seus altofalantes estéreo agóchase tras o seu teclado retroiluminado. Tamén ten un touchpad de cristal de grande precisión, unha webcam de alta definición (720p) e 3 micrófonos (para unha boa cancelación de ruído).
O Chromebook Pixel tamén pode presumir de grande velocidade grazas ao uso dun procesador Intel Core i5 e unha unidade SSD, pode conectarse á Rede por Wi-Fi de dobre banda e deseñouse con vista a gozar de banda larga móbil 4G (opcional) e para o almacenamento masivo inclúe 1 Tb de almacenamento na nube durante 3 anos.
O equipo complétase con 4 Gb de RAM, 32 Gb de SSD, 2 portos USB, mini display port, lector de tarxetas de memoria, Bluetooth 3.0, batería de 59 Wh (cunha autonomía de ata 5 horas de uso), un grosor de 16,2 milímetros e un peso de 1,52 quilogramos.
Como o resto de Chromebooks, funciona con Chrome OS, sistema operativo capaz de iniciar en poucos segundos e non degradarse co tempo (sendo tamén seguro contra virus e outras ameazas informáticas), e dende hoxe mesmo está á venda a través de Google Play para EE.UU. e Reino Unido, a 1.299 dólares/1.049 libras o modelo con Wi-Fi (que remitirase aos seus compradores en poucas semanas) e 1.449 dólares a versión con LTE (que non chegará ata abril aos EE.UU.). Tamén estará dispoñible a través de cadeas de electrónica de consumo.


Vídeo de presentación do novo portátil de Google

PUBLICIDADE