Google non celebrará o Primeiro de Abril

venres, 27 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O Primeiro de Abril é un día de bromas e novas falsas na Internet que buscan principalmente divertir e animar á xente a localizar este contido entre a información de actualidade, sendo a empresa que máis esforzos dedica a esta xornada Google, que practicamente lanza anuncios de servizos de broma dende cada unha das súas divisións, conseguindo resultados moi dispares, de xeito que algunhas veces ten que pedir perdón por ter provocado problemas coas bromas, e outras poderiamos dicir que inspiraron produtos reais (como Pokémon Go). Pero desta volta queren ir ao seguro, e dado que estamos a vivir unha pandemia consideraron que non é un bo momento para as súas traballadas bromas, e remitiron un comunicado aos seus empregados prohibíndolles seguir publicamente a tradición do Primeiro de Abril.
A cancelación da celebración do Primeiro de Abril busca ser un sinal de respecto á loita contra a COVID-19, e aínda que o humor poida axudar a levar mellor a situación, non é un bo momento para realizar bromas asociadas a marcas como Google, decisión que probablemente secunden o resto de empresas tecnolóxicas, xa que desmarcarse dunha política de respecto ante unha situación crítica podería traducirse nunha grande crise de reputación que poucas compañías estarían dispostas a padecer.

PUBLICIDADE