Google premia o labor de dúas enxeñeiras informáticas da UDC

luns, 30 de abril do 2012 Raquel Noya

Sabela Ramos é profesora axudante na área de Arquitectura de Computadores na Facultade de Informática da UDC

Coa intención de facer máis visible o papel das mulleres nos eidos da computación e a tecnoloxía de todo o mundo, e destacar de paso o gran labor que moitas delas desenvolven á sombra de compañeiros masculinos menos brillantes, o xigante americano Google creou a Google Anita Borg Scholarship, un evento co que animar ás mulleres a adoptar un “papel activo e de liderado neste tipo de disciplinas”, que este ano tivo representación galega.
O galardón, que vai dirixido a estudantes de carreiras universitarias, mestrados ou doutoramento do eido das TIC de todo o mundo, foille concedido nesta edición a dúas estudantes de doutoramento da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, en concreto a Sabela Ramos Garea (na categoría de Scholarship, con bolsa) e a Ana María Freire Veiga (como finalista) na sección de Europa, Oriente Próximo e África.
A adxudicación deste premio fíxose, segundo afirman dende Google, “en base ao perfil académico das aspirantes, á súa experiencia no liderado de actividade e á súa paixón pola Informática”, que no caso das galegas quedou ben demostrado pois, sen ir máis lonxe, Sabela Ramos xa obtivera o Premio Extraordinario Nacional na súa promoción.
Agora, as dúas estudantes asistirán en xuño á sede europea de Google en Zürich (Suíza), onde terá lugar un encontro co resto das galardoadas no que todas terán a oportunidade de coñecer de primeira man esta gran empresa e intercambiar coñecementos en varias sesións de traballo.
Sabela Ramos Garea, titulada en Enxeñaría Informática, desenvolve na actualidade a súa tese de doutoramento no Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC e é profesora axudante na área de Arquitectura de Computadores na Facultade de Informática; mentres que Ana María Freire Veiga, tamén enxeñeira informática, está a realizar a súa tese de doutoramento no grupo de Enxeñaría Telemática da UDC, dentro do programa de Formación de Persoal Investigador (FPI) do Ministerio de Economía e Competitividade.

PUBLICIDADE