Google presenta encerados dixitais orientados á colaboración

mércores, 24 de maio do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos foron moitas as propostas dirixidas a substituír aos encerados tradicionais, que van dende proxectores de vídeo até pantallas táctiles, e nesta liña temos agora a Google ultimando o lanzamento de Jamboard, un encerado dixital baseado na nube, buscando o traballo en equipo de xeito sincronizado e que xa pode encargarse nos EE.UU. a un prezo de 4.999 dólares (4.472 euros) e pode completarse cunha base con rodas que custa 1.199 dólares (1.73 euros).
A nivel de hardware estamos ante un produto baseado nunha pantalla táctil 4K de 55 polgadas con HDMI 2.0, USB-C, 2 portos USB 3.0, saída SPDIF, Wi-Fi AC, NFC, Gigabit Ethernet, altofalantes, micrófonos, cámara de grande angular e accesorios que fan unha clara analoxía cos encerados tradicionais: un borrador e 2 lapis dixitalizadores. Pode recoñecer até 16 puntos en pantalla e incluso é compatible con Google Cast.
Estamos ante unha solución moi versátil, que tanto serve como lenzo de debuxo como de sistema de videoconferencia ou de plataforma para poder empregar durante unha xuntanza as ferramentas ofimáticas de Google para poder compartir presentacións, documentos ou follas de cálculo. Incluso é posible sincronizar varias Jamboards para que amosen a mesma información, de xeito que usuarios en distintas localizacións poderían colaborar, deixando claro que estamos ante unha solución que non é hardware puro, senón que está baseada principalmente no software desenvolvido por Google, de xeito que é preciso contratar un plan de G Suite para usar a Jamboard e incluso haberá que facer fronte a gastos anuais de mantemento. Precisamente este modelo de negocio fai que a súa comercialización internacional sexa progresiva, de xeito que tras EE.UU. polo momento só sabemos que chegará a Reino Unido e Canadá (no verán), descoñecéndose o calendario de lanzamento do produto para o resto do mundo.

Vídeo de presentación da Jamboard de Google

PUBLICIDADE