Gorilla Glass Victus protexerá os móbiles do futuro de caídas e rabuñaduras

venres, 24 de xullo do 2020 Marcus Fernández

O principal fabricante de capas de protección para as pantallas dos nosos móbiles, Corning, anuncia unha nova versión das súa tecnoloxía Gorilla Glass, que en vez de continuar coa numeración habitual, opta por un nome, ou sexa, que en vez de Gorilla Glass 7 chámase Gorilla Glass Victus, asegurando que se trata no cristal Gorilla máis resistente para produtos de electrónica de consumo móbil.
Nas probas de laboratorio os prototipos equipados con Gorilla Glass Victus soportou caídas de até 2 metros de altura sobre superficies duras (cando outros fabricantes limitan as probas de caída a 0,8 metros) e tamén aseguran que estes novos cristais teñen o dobre de resistencia a rabuñaduras que a tecnoloxía Gorilla Glass 6 e até 4 veces máis resistente que outros cristais da competencia.
Tendo en conta que xa hai máis de 8.000 millóns de dispositivos que ao longo da historia foron equipados con Corning Gorilla Glass, non parece arriscado pensar en que os cristais Gorilla Glass Victus van ter unha grande presenza no mercado, sendo o primeiro fabricante en montar esta tecnoloxía Samsung (o que dá a entender que será o cristal que protexerá a pantalla dos Galaxy Note que presentaranse nos vindeiros días).

Vídeo promocional de Corning Gorilla Glass Victus

PUBLICIDADE