Grand Theft Auto V fíltrase á través da PlayStation Store

luns, 26 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O 17 de setembro chegará ás tendas europeas o agardado xogo Grand Theft Auto V, que para moitos será o lanzamento máis importante do presente ano, pero que nos últimos días padeceu unha serie de filtracións que posiblemente non serán dos agrado dos seareiros da franquía, por poder estragar algunhas das sorpresas do xogo, o que levou aos seus editores a desculparse. Ao parecer o incidente vén provocado a que na PlayStation Store europea publicáronse ficheiros do xogo para que os usuarios que o reservasen puidesen descargalos antes do lanzamento, facilitando que puideran gozar do título dende o primeiro minuto do día do seu lanzamento, pero eses ficheiros comezáronse a distribuír pola internet, o que podería provocar que nos vindeiros días algúns usuarios puidesen gozar do xogo antes de tempo.
Rockstar Games tamén confirmou na fin de semana que o seu xogo xa está en fase Gold, ou sexa, que está rematado, algo que resulta evidente tras as filtracións, e aproveitan a ocasión para instar aos usuarios a non difundir información do xogo antes do seu lanzamento.
Cómpre destacar que os ficheiros filtrados á través da Rede están encriptados e, aínda que xa circulan instrucións sobre como facer para poder xogar á versión de PS3 de GTA V de xeito anticipado, non é un proceso nin sinxelo nin recomendable (especialmente pola cantidade de información falsa que circula pola Rede e o risco que pode supor para o noso equipo a súa descarga).

PUBLICIDADE