Grande éxito da versión rosa do Microsoft Zune

xoves, 24 de maio do 2007 Marcus Fernández

En 2006 xurdiu unha auténtica febre no sector tecnolóxico que levaba ós fabricantes a sacar versións en cor rosa dos seus dispositivos, no que aseguraban que era un xeito de achegar ó público feminino ós produtos coidando a súa estética, o que parecía sorprendente polo seu minimalismo, pero agora Microsoft confirma esta aposta ó anunciar que a versión rosa pálido do seu reprodutor Zune (que saíu nos EE.UU. a comezos de mes) está superando en vendas ás versións branca e marrón.
Hai que indicar que no mercado dos reprodutores baseados en disco duro Microsoft xa está nunha segunda posición en vendas, superándoo só Apple co iPod, polo que supera as expectativas que había sobre o produto, dado que Microsoft non tiña experiencia neste sector, que viña estando dominado por outros fabricantes. Parece así que a campaña de comercialización inicial do Zune é todo un éxito e a aposta pola variedade cromática (que continuará mellorando, estreando un modelo vermello no verán, xunto cunha edición especial inspirada no videoxogo Halo 3) todo un acerto.

PUBLICIDADE