Grande fracaso do smartphone con batería de 18.000 mAh

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

Energizer elixiu o Mobile World Congress de Barcelona como plataforma para darse a coñecer ao mundo como fabricante de teléfonos móbiles, e casando co seu negocio de baterías, entre distintos produtos incluíron o que captou máis atención: o Energizer Power Max P18K Pop, un smartphone con batería de 18.000 mAh, que incluso podería cargar outros dispositivos.
Pero conseguir unha grande proxección mediática, pese a reforzar a imaxe de marca, non supón un éxito comercial, como vén de demostrarse co estrepitoso fracaso da campaña en Indiegogo coa que pretendía financiar o P18K, para o que buscaban superar o millón de euros, pero quedaron só co 1% do obxectivo.
En total, só conseguiran vender anticipadamente 16 smartphones, polo que a súa fabricación carece de todo sentido, e queda claro que non existe demanda para un teléfono integrado nunha batería externa, xa que o uso de ambos elementos por separado resulta moito máis cómodo de utilizar.
O P18K non tiña malas características como teléfono, cunha pantalla Full HD+ de 6,2 polgadas, procesador Helio P70, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira tripla, cámara frontal dual retráctil, lector lateral de pegadas dixitais, dobre SIM, Android 9.0 e carga rápida por USB-C, prestacións bastante completas que non foron dabondo para compensar o grosor e o peso que converten a este concepto nun produto que non pasará de ser unha curiosidade.

Vídeo co que se promocionaba a campaña de Indiegogo do P18K

PUBLICIDADE