Guitar Hero 5 para Wii soportará descargas en tarxetas SDHC de ata 32 Gb

xoves, 13 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Para suplir a carencia de disco duro, Nintendo decidiu que a Wii fixese uso de tarxetas de memoria SDHC de ata 32 Gb para poder tirar proveito das descargas dixitais que non collan na súa limitada memoria interna. Finalmente será Guitar Hero 5 o primeiro título en tirar proveito desta posibilidade, de xeito que os temas descargables para este título poderán almacenarse directamente na tarxeta de memoria, así como tamén poderá copiarse á mesma o material descargado anteriormente para Guitar Hero: World Tour e Guitar Hero: Smash Hits.
Tamén abren a posibilidade de descargar non só cancións soltas, senón tamén álbums completos, proceso que poderá facerse en segundo plano.
É de agardar que nos vindeiros meses aparezan máis xogos que permitan o acceso aos contidos almacenados en tarxetas de memoria, de xeito que así os usuarios da Wii non botarán en falta o disco duro co que contan os usuarios de Xbox 360 e PlayStation 3.

PUBLICIDADE