Guitar Hero 5 supera a The Beatles: Rock Band no Reino Unido

luns, 14 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Aínda tardaremos en coñecer dos datos de vendas deste mes en España (aDeSe publica os seus datos a mediados do mes seguinte), pero no Reino Unido esta información coñécese con certa velocidade, e as cifras de vendas da semana pasada foron realmente sorprendentes, pois o xogo máis vendido foi o Guitar Hero 5, que superou ao xogo de carreiras de coches Dirt 2 e ao supervendas Batman: Arkham Asylum, mentres que o agardado The Beatles: Rock Band quedou limitado a unha cuarta posición.
Estamos ante uns datos moi inmediatos, que non permiten chegar a conclusións, pois será a campaña de Nadal a que defina o éxito ou fracaso dos distintos Guitar Hero, Band Hero, DJ Hero, Rock Band, Rock Revolution e outros xogos musicais, pero o feito de que o xogo dos Beatles vaia dirixido a un público de máis idade que os Rock Band e que careza de versión para PlayStation 2 poderían ser os motivos que levasen a un dos xogos musicais máis agardados e mellor valorados pola crítica a vender menos do estimado.
Tamén cómpre destacar que falamos dos resultados sumando todas as plataformas dos xogos, pois se as tratamos por separado (que é coma dá os datos aDeSe) o resultado aínda sería peor, quedando o The Beatles: Rock Band para Xbox 360 na 8ª posición, e Guitar Hero 5 quedaría en boas posicións en todas as plataformas. Curiosamente, aínda que Guitar Hero 5 é o xogo máis vendido para PS2, non chega a colarse entre os 40 xogos máis vendidos do cómputo xeral, polo que dá a impresión de que a PlayStation 2 está a esmorecer no Reino Unido, mentres que no mes de xullo en España tiñamos ao PES 2009 no 9º posto de vendas.

PUBLICIDADE