HP inclúe pantalla táctil en portátiles económicos

xoves, 21 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Coa chegada de Windows 8 parecía que a interface táctil do sistema operativo de Microsoft estaría destinada só a equipos de alta gama ou a tablets, pero pouco a pouco vaise popularizando en portátiles ordinarios, e a propia HP xa incorpora tal tecnoloxía nun dos seus equipos de baixo custo, pois unha das súas versións norteamericanas do HP Pavilion TouchSmart 10 está á venda por 299 dólares (222,64 euros), o que é un prezo axustadísimo para un equipo coas súas prestacións.
O HP Pavilion TouchSmart 10 que mencionamos ten unha pantalla LED táctil de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 polgadas, procesador AMD A4-1200 a 1 GHz, gráfica AMD Radeon HD 8180 con memoria compartida, 2 Gb de RAM, 320 Gb de disco duro, lector de tarxetas SD, 1 porto USB 3.0, 2 portos USB 2.0, Fast Ethernet, HDMI, webcam, Wi-Fi N e unha batería de 3 celas que achega unha autonomía de ata 5 horas. O seu grosor é de 22,60 milímetros e o seu peso de 1,45 quilogramos, dando a impresión de que estamos ante un equipo que, aparte de económico, tamén resulta bastante apto para o seu uso en mobilidade. Polo momento non se sabe cando chegará este equipo ao mercado español.

PUBLICIDADE