HP presenta a impresora multi-función máis pequena do mercado

martes, 7 de xuño do 2016 Marcus Fernández

HP está a presentar a súa vindeira xeración de impresoras multi-función DeskJet, considerada ideal para usuarios hiperconectados que queren imprimir dende Facebook, Instagram e outras redes sociais, e que coa HP DeskJet 3700 demostra unha das súas principais virtudes: ocupa a metade de espazo que outras impresoras multi-función da súa clase. Dende HP chegan a asegurar que sería a impresora deste tipo máis pequena do mercado, sen que para iso prescindiran de robustez á hora de imprimir, escanear ou copiar, mantendo un prezo asumible (69,90 euros).
Entre as vantaxes destas novas impresoras está o feito de que mediante a aplicación HP All-in-One Remote pode xestionarse o seu uso dende dispositivos móbiles, e incluso conta coa tecnoloxía Wi-Fi Direct para permitir imprimir dende dispositivos móbiles aínda que carezamos dunha rede local sen fíos.
A HP DeskJet 3700 chegará ás tendas o vindeiro día 15, e pese carecer dunha superficie plana para o escaneado de documentos, está adaptada para poder traballar con diferentes tipos de papel, polo que pode procesar sen problema carnés, recibos e folios grazas á tecnoloxía HP Scroll Scan.

Vídeo de presentación da HP DeskJet 3700

PUBLICIDADE