HP presenta o primeiro portátil IMAX Enhanced

xoves, 20 de abril do 2023 Marcus Fernández

HP anuncia que o seu novo portátil HP Envy x360 con pantalla de 15,6 polgadas, que sairá á venda este mesmo mes nos EE.UU. a un prezo de 949,99 dólares, será o primeiro ordenador persoal con certificación IMAX Enhanced, selo que xa tiñamos visto en proxectores de vídeo e televisores, e que garante unha boa reprodución de contidos para IMAX, como serían unha serie de filmes dispoñibles na plataforma Disney+ (principalmente grandes producións da Marvel), soportando tamén este equipo a mestura sonora cinematográfica IMAX, conseguindo así unha experiencia totalmente inmersiva de audio espacial. Curiosamente esta versión tan cinematográfica está equipada cunha pantalla OLED Full HD, que é a que permite tirar un maior proveito dos contidos con HDR.
En maio tamén estarán dispoñibles novos portátiles Envy en tamaño de pantalla de 14 e 17,3 polgadas, equipados con cámaras de 5 Mpíxeles con soporte para Windows Hello, así como un novo deseño de ventiladores que prometen mellorar o fluxo de aire un 9%.
Os novos portátiles terán versións básicas con procesadores Intel Core de 13ª xeración e gráfica Intel Iris Xe, mentres que as versión con pantalla de 15,6 e 17.3 polgadas contarán tamén con versión con gráficas nVIDIA GeForce RTX 3050. O modelo de 15 polgadas tamén contará cunha versión cun procesador AMD Ryzen 7000 cunha gráfica Radeon integrada. Cómpre salientar que o modelo con pantalla de 17,3 polgadas pode chegar a equiparse con 32 GB de RAM e un panel cunha resolución 4K, polo que podería ser atractivo para a edición fotográfica e de vídeo.

O modelo de 17,3 polgadas pode adquirirse cun panel 4K, polo que pode resultar atractivo para a edición fotográfica e de vídeo

PUBLICIDADE