HP presenta os seus disco duros externos para copias de seguridade

martes, 28 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Pensando en facer máis doada a vida aos usuarios de equipos informáticos, dende HP lanzan a solución SimpleSave Portable, que é unha familia de discos duros externos desenvolvidos en colaboración con Western Digital, que toman a alimentación directamente do porto USB do ordenador, e que funcionan en combinación cunha aplicación informática para Windows que fai copias de seguridade dos nosos documentos dun xeito tan doado coma conectar o disco duro ao ordenador. A interacción do usuario limitaríase á aceptación da licenza de uso do programa.
O software incluído no disco duro non precisa instalación, e por defecto fai copia dos cartafoles para datos máis habituais, así como dos arquivos de Outlook e outros datos agochados en cartafoles habitualmente descoñecidos para os usuarios básicos.
O prezo que terán estes discos duros nos EE.UU. será de 120 e 150 dólares nas versións portátiles de 320 e 500 Gb, aínda que tamén existirá unha versión externa baseada en discos duros de 3,5 polgadas (ou sexa, que precisan alimentación adicional) que custarán 150 e 330 dólares para tamaños de 1 e 2 Tb.

PUBLICIDADE