HP presenta un novo equipo portátil orientado ás aulas

xoves, 1 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Introducir a informática no sector educativo é un importante reto, e mentres nuns centros optaban por portátiles compactos e económicos para os cativos, outros percorrían unha senda máis innovadora empregando tabletas, pero é posible tomar a vía do medio, e así temo como HP anuncia un novo equipo asumible, resistente e funcional para as aulas, o HP ProBook x360 11 Education Edition, que funciona con Windows 10 tirando proveito da tecnoloxía de Windows Ink, para o que conta cunha pantalla táctil que pode abaterse totalmente, de xeito que pode funcionar como portátil estándar ou como tableta que responde tanto ao dedo como a un lapis dixitalizador (resultando este último elemento chave para trasladar procesos propios do papel).
Este equipo tamén conta cun sistema de cámara Full HD dual (de xeito que non só teñen webcam, senón que tamén poden empregar o equipo para gravar vídeo en modo tableta).
Queda agora por ver as condicións nas que HP achegará este equipo a contornos educativos, especialmente o que se refire a prazos e prezos, que son elementos chave para o éxito de produtos desta categoría.

PUBLICIDADE