HP sube ao carro dos Chromebooks

luns, 4 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles co sistema operativo de Google baseado na nube (Chrome OS) chegaban polo momento da man de Samsung e Acer, conseguindo unha mala resposta comercial, o que levou a Samsung a renovar o seu Chromebook de xeito drástico reducindo considerablemente o seu prezo, pero pese a todos estes atrancos, non parecen querer dar por perdida esta categoría de equipos, e agora é HP o que lles dá apoio lanzando o HP Pavilion Chromebook, que supera considerablemente aos seus predecesores en tamaño de pantalla, pois este novo equipo presume dun panel de 14 polgadas (cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles), contando tamén con HDMI e portos USB, de xeito que temos un equipo versátil que consegue ser lixeiro (1,8 quilos), delgado (2,1 centímetros) e barato (329,99 dólares).
Cómpre destacar que estamos ante un equipo de prestacións moi básicas, que corre cun procesador Intel Celerol 847 a 1,1 GHz con gráfica integrada de Intel, 2 Gb de RAM (ampliable ata 4 Gb), 16 Gb de SSD, Fast Ethernet, Wi-Fi N, Bluetooth, 3 portos USB 2.0, lector de tarxetas de memoria, webcam e batería de 4 celas cunha autonomía de ata 4 horas e cuarto. Temos así un equipo moi inferior ao que estamos afeitos no tocante ao hardware, pero que responde a un esquema no que non precisaría máis, pois preténdese que sirva para acceder á web, a servizos como Gmail, YouTube e Google Maps, e que incluso empregue como almacenamento os 100 Gb de capacidade cos que conta en Google Drive durante 2 anos (deixando clara a súa orientación á Rede), coa vantaxe que pode supor o feito de que a información non estea ligada exclusivamente a un soporte físico en concreto, o que daríalle certa seguridade (aínda que iso tamén é posible conseguilo cun ordenador ordinario sen ter que baixar tanto o listón do hardware).

PUBLICIDADE