HTC HD2, o Windows Phone con interface HTC Sense

mércores, 7 de outubro do 2009 Marcus Fernández

HTC Corporation presentou oficialmente o seu móbil HTC HD2, que será o primeiro terminal con Windows que inclúa a interface de usuario HTC Sense (dispoñible ata o momento en terminais con Android de HTC). O HTC HD2 é un impresionante terminal cunha pantalla táctil capacitiva de 4,3 polgadas cunha resolución WVGA, procesador Qualcomm MSM 8250 a 1 GHz, 512 Mb de ROM, 448 Mb de RAM, cámara de 5 Mpíxeles con foco automático e flash LED dual, conectividade HSDPA a 7,2 Mbps, Wi-Fi, Bluetooth 2.1, AGPS, lector de tarxetas microSD e conector para auriculares estándar.
Mide 120x5 x 67 x 11 milímetros, pesa 157 gramos e a súa batería de 1.230 mAh permite unha autonomía de ata 5,5 horas en conversa e 16 días en espera, e este chegará a España libre por 649 euros (ou subvencionado por parte de Vodafone ligándoo a un plan de voz+datos).
Este dispositivo estaría orientado a usuarios que desexen acceder a documentos de Microsoft Office dende o móbil, á vez que compartir as súas fotografías en Facebook, ver páxinas web, reproducir vídeos, xogar e moitas outras cousas máis nun terminal de grande potencia que funciona con Windows Mobile 6.5 e incluso fai uso das características multi-táctiles da súa pantalla de grandes dimensións.

PUBLICIDADE