HTC presenta os seus novos móbiles con Windows Phone 7 Mango

venres, 2 de setembro do 2011 Marcus Fernández

A nova versión de Windows Phone 7 chamada Mango está a piques de chegar a mercado, polo que os fabricantes que a arrouparán comezan a amosar os terminais que a incorporarán de fábrica, e no caso de HTC parece que teñen unha cousa en común: grandes pantallas. O fabricante taiwanés presentou 2 terminais que funcionarán con novo sistema operativo móbil de Microsoft que son os modelos Radar e Titan.
O HTC Radar é un terminal bastante tradicional dentro dos smartphones, cunha pantalla de 3,8 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de memoria interna, cámaras de 5 Mpíxeles (con gravación de vídeo a 720p) e VGA, GPS, Bluetooth 2.1, Wi-Fi, HSPA ata a 14 Mbps e batería de 1.520 mAh, que pretende estar dispoñible en outubro a un prezo de 439 euros (libre).
Pola contra, o HTC Titan é un móbil moi diferente, que destaca polo seu tamaño, xa que conta cunha pantalla SLCD de 4,7 polgadas (aínda que consegue manter o seu grosor en só 9,9 milímetros, e o peso queda nuns razoables 160 gramos), procesador Qualcomm a 1,5 GHz, 512 Mb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, GPS, Bluetooth 2.1, Wi-Fi, HSPA de ata 14 Mbps e batería de 1.600 mAh, que debería de chegar ao mercado en outubro a un prezo de 649 euros (libre).

PUBLICIDADE