HTC presenta un casco de VR para relaxarse e ver vídeo

xoves, 14 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos HTC Vive conseguiu consolidarse como a solución de realidade virtual para os usuarios máis esixentes e para usos comerciais, o pulo das Oculus Quest 2 (que funcionan de xeito autónomo e tamén poden conectarse ao PC con ou sen fíos) está a eclipsar a esta marca que agora aposta pola diversificación con HTC Vive Flow, un casco de realidade virtual lixeiro que aposta pola comodidade e por uso bastante diferente ao da competencia, xa que non está pensado para xogar.
As HTC Vive Flow queren servir como ferramenta para a meditación 2.0 (para o que conta con diferentes aplicacións que poden resultar relaxantes), para consumir contidos audiovisuais nunha pantalla de cine virtual (material que pode achegar sen fíos un smartphone con Android conectado sen fíos de xeito que estarían dispoñibles as plataformas de streaming preferidas do usuario), para exercitar a mente con aplicacións específicas e para colaborar e socializar con compañeiros e amigos en Vive Sync. Case podería definirse como o casco de realidade virtual para os que non gustan da realidade virtual.
O formato das HTC Vive Flow consegue ser cómodo e lixeiro ao separar do casco o cerebro do dispositivo nunha petaca de 189 gramos de peso, e as lentes ofrecen imaxe con resolución 3,2K a 75 Hz cun campo de visión de 100 graos. As lentes tamén contan con diais para axustar as dioptrías de cada ollo, e incluso integran un sistema de refrixeración activa para expulsar a calor da cara e facer que o dispositivo sexa cómodo. Aínda que contan con audio espacial, ofrecendo son envolvente, tamén hai a posibilidade de conectar uns auriculares Bluetooth para unha experiencia máis inmersiva.
Poderanse reservar as HTC Vive Flow a partir do 31 de outubro por 554 euros incluíndo unha funda de transporte, unha subscrición de 2 meses a Viewport Infinity (plataforma que achega milleiros de aplicacións, xogos e contidos, e na que hai que empregar o smartphone a xeito de mando a distancia) e varios contidos adicionais. O produto sairá á venda no mes de novembro, cando poderemos saber se realmente hai mercado para un produto que se afasta bastante ao que estamos afeitos, e semella ofrecer unhas prestacións inferiores ás de Oculus Quest 2 a un prezo superior.

Vídeo promocional das HTC Vive Flow

PUBLICIDADE