HTC tamén prepara un móbil con Android e pantalla de alta definición

venres, 16 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe filtrada do HTC Vigor

Ao parecer o as que garda LG baixo a súa manga, o terminal LG LU6200, non vai ser o único móbil con prestacións semellantes no mercado, senón que HTC tamén están a traballar nun terminal na mesma liña, o HTC Vigor, do que filtráranse imaxes hai varias semanas, e do que pouco a pouco imos sabendo máis. Agora coméntase de que este incrible móbil compatible con LTE (4G) contará cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, cámara de 8 Mpíxeles e unha impresionante pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (ou sexa, de alta definición a 720p, con maior densidade de píxeles que o mencionado móbil de LG). Amais, este móbil, que tamén contará coa tecnoloxía Beats Audio (presente noutros terminais de HTC) podería lanzarse o vindeiro martes nun evento que vai ter lugar en New York, de xeito que converteríase no primeiro móbil con pantalla de alta definición en chegar ao mercado. Outras fontes apuntan a que o terminal podería chegar finalmente aos EE.UU. no mes de outubro baixo o nome de Droid Incredible HD. Do que non hai dúbida é do feito de que as pantallas a 720p parecen querer ser o elemento no que destaque a nova xeración de móbiles con Android.
Precisamente nesta liña veñen de publicar de xeito anónimo nos foros de 4chan informacións sobre o que sería o Samsung Galaxy Nexus (terminal tamén coñecido como Nexus Prime, que sería o móbil oficial de Google de cara ao lanzamento do Android 4.0) e que contaría cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, pantalla Super AMOLED Plus de 4,65 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC), batería de 2.000 mAh, corpo de metal, un grosor de 8,8 milímetros e un peso de entre 130 e 140 gramos. Estas características parecen afastarse bastante do que estamos afeitos a ver nos smartphone, pero vese que as pantallas de grande tamaño están a gañar moita forza, e poderían ser un elemento chave na nova iteración de Android (¿quizais para aproximar as interfaces de móbiles e tablets?).

PUBLICIDADE