Halo 4 inspira unha edición limitada da Xbox 360

luns, 16 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Microsoft tamén quixo aproveitar o escaparate da Comic-Con de San Diego, e anunciou a pasada fin de semana que o vindeiro 6 de novembro vai pór á venda unha edición especial da súa consola Xbox 360 para celebrar a chegada do xogo Halo 4, que contará cun deseño inspirado na franquía do Xefe Mestre (disco duro de 320 Gb e Wi-Fi), 2 mandos sen fíos cun deseño na mesma liña, auriculares con micrófono, numerosos contidos descargables e, por suposto, o novo xogo da saga Halo, que principiará unha nova historia. Esta edición limitada da Xbox 360 tería grande atractivo para os seareiros de Halo, que no caso de non facerse co lote completo tamén terán a posibilidade de mercar os mandos sen fíos de xeito independente, que incluirá tamén contidos descargables adicionais.
Nos EE.UU. o prezo da Xbox 360 de Halo 4 será de 399,9 dólares, mentres que os mandos sen fíos soltos custarán 59,99 dólares. É de agardar que tamén chegue a Europa, previsiblemente a un prezo de 319,95 euros o lote e 49,95 euros o mando solto.

O mando especial de Halo 4 poderá adquirirse por separado
O lote da edición limitada da Xbox 360 é bastante completo

PUBLICIDADE