Halo: The Master Chief Collection precisará dunha descarga de 20 Gb para desbloquear o modo multi-xogador

venres, 17 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft e 343 Industries confirman que xa se rematou o desenvolvemento de Halo: The Master Chief Collection para Xbox One, unha reedición dos xogos da saga máis representativa das consolas Xbox, que permite así que poida gozarse na última consola doméstica dos principais xogos da franquía, incluíndo tamén acceso á beta multi-xogador de Halo 5: Guardians (entre o 29 de decembro de 2014 e o 18 de xaneiro de 2015).
Esta revisión dos xogos de Halo inclúe unha versión remasterizada de Halo 2: Anniversary xunto con Halo: Combat Evolved Anniversary, Halo 3 e Halo 4, de xeito que podemos ver a historia completa do Xefe Mestre en alta definición a 60 imaxes por segundo. Temos así un total de 45 misións de campaña e máis de 100 mapas multi-xogador, o que agradecerán os incondicionais da saga.
Para completar o lote, inclúese tamén a serie dixital de acción Halo: Nightfall, que ten a Ridley Scott na produción executiva e está dirixida por Sergio Mimica-Gezzan (quen xa traballou en series domo Battlestar Galactica, Los Pilares de la Tierra e Heroes).
Esta recompilación de xogos pode adquirirse dende agora a un prezo de 64,99 euros, aínda que non poderá xogarse até o 11 de novembro. Cómpre destacar que este produto en soporte físico ocupa practicamente toda a capacidade dun disco Blu-ray (45 Gb) polo que esperan que o día do seu lanzamento precise da descarga dunha actualización de 20 Gb, permitindo que os usuarios poidan xogar ao modo campaña mentres se instala esta xigantesca actualización.

PUBLICIDADE