Hasbro comercializa unha cámara para cativos que integra un proxector

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Os produtos tecnolóxicos son cada vez un agasallo máis habitual para os cativos, e algúns poden sorprender pola combinación de tecnoloxías bastante modernas a un prezo relativamente axustador, como a Playskool Showcam, que é un dispositivo que combina unha cámara dixital e un proxector nun único dispositivo dispoñible en modelo para nenos e para nenas (aínda que a diferenza non é outra que a combinación de cores que presenta) e que nos EE.UU. véndense por só 59,99 dólares (44,36 euros) mentres que no Reino Unido podemos atopar a cámara por un prezo semellante (39,99 libras) aínda que na zona euro achégase máis aos 60 euros (o que segue a ser un prezo bastante contido).
A Playskool Showcam non só é unha cámara doada de utilizar que pode almacenar ata 1.000 fotografías na súa memoria interna para copialas ao ordenador por USB e permite engadir ata 50 divertidos efectos e animacións ás imaxes que capta, que podemos ver tanto na súa pantalla de 1,7 polgadas como sobre unha superficie clara facendo uso un proxector integrado. Funciona con 4 baterías AA e aínda que é un produto destinado a cativos de entre 3 e 7 anos, de seguro que máis dun adulto o pasa ben con este xoguete.

A cámara integra un proxector e pode aplicar divertidos efectos sobre as imaxes que captura

PUBLICIDADE