Helio Ocean: un móbil 3G que saca proveito das súas prestacións técnicas

xoves, 10 de maio do 2007 Marcus Fernández

Se ben o anuncio do iPhone de Apple para o vindeiro verán foi recibido con certa cautela (moitos consumidores potenciais aseguran que agardarán a que apareza unha versión máis avanzada do teléfono que integre, entre outras cousas, conectividade 3G) o novo terminal de Helio está a causar sensación na Rede, pois parece que se vai converter no móbil definitivo, ó integrar case tódalas características desexables nun teléfono celular.
Así, o Helio Ocean integra dous teclados deslizantes (un numérico e outro QWERTY, o que facilita moito o seu uso) e integra SMS, mensaxería instantánea, correo electrónico (tanto POP coma IMAP e mesmo Exchange ActiveSync), navegador web (incluso vén adaptado para o seu acceso a MySpace), acceso a un servizo de descargas musicais, cámara de 2 Mpíxeles (e acceso a un servizo de fotografías en liña) e mesmo GPS (complementado por Google Maps).
O novo terminal tamén permite incrementar os seus 200 Mb de memoria mediante tarxetas microSD, podendo reproducir tanto son en formatos MP3, AAC ou WMA como vídeos en MPEG-4, H.264 ou VOD.
Nos vindeiros días comezará a comercialización deste impresionante terminal, que ten tódalas papeletas para converterse nun dos chismes tecnolóxicos máis desexados do ano, e que xa conta cun anuncio promocional:


Incluso circula pola Internet un vídeo no que se pode ver de preto o funcionamento o novo móbil de Helio, e parece que acadaron o desenvolvemento dunha interface de uso sinxela e atractiva:


Destaca o feito de que pode funcionar en posición horizontal ou vertical (dependendo do teclado que se queira empregar) e practicamente só lle atopan un defecto de difícil solución: o grosor do terminal, debido en boa medida á incorporación de dous teclados (a súa principal virtude é tamén o seu lastre).
O prezo de venda inicial do Helio Ocean tamén parece bastante atractivo, pois se comercializará a 295 dólares, aínda que non se sabe se algunha compañía o distribuirá fóra dos EE.UU.

PUBLICIDADE