Helix, a pulseira que agocha uns auriculares Bluetooth

mércores, 22 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Ashley Chloe Inc. está a procurar a través de Kickstarter o financiamento para facer realidade a primeira pulseira do mundo que pode converterse en auriculares estéreo Bluetooth, Helix, que pretenden converterse nunha boa combinación de deseño e tecnoloxía, para o que queren xuntar 100.000 dólares.
A través da correspondente campaña de micromecenado ofrecen unha pulseira Helix a un prezo de 99 dólares, de xeito que o primeiro milleiro de mecenas conseguiría no mes de decembro o produto a metade do prezo que pretenden que o produto chegue ao mercado o ano que vén.
Este invento ten un deseño bastante orixinal, xa que a elegante pulseira vén a ser unha banda flexible que mantense pechada no nos pulso grazas a tres imáns nun lateral, á vez que neste elemento agocha un par de auriculares que van unidos por un cable a un pequeno receptor Bluetooth, casando o deseño co da pulseira, e librando ao usuario de ter que cargar cuns auriculares no peto.
A pulseira está feita de fluoroelastómero, e os espazos para albergar os auriculares Bluetooth son de aluminio anodizado, conseguindo un acabado bastante bo, que fai que a tecnoloxía sexa máis agradable de vestir. A súa versión básica (clásica) ofrécese en cor branca ou negra, con acabados en cor ouro ou prata, aínda que tamén ofrecen por 269 dólares unha versión con correa vermella e acabados en ouro de 18 quilates.
Os auriculares teñen conectividade Bluetooth 4.1, poden emparellarse até con 8 dispositivos, e poden empregarse tanto para escoitar música como para atender chamadas, sendo compatible con iOS, Android e Windows. A súa autonomía é dunhas 3 horas de uso e 200 horas en espera, cun tempo de carga de menos dunha hora.

A pulseira Helix estará dispoñible en varias combinacións de cores


Vídeo promocional da pulseira Helix

PUBLICIDADE