Heroes of Might & Magic III adáptase á alta definición e a dispositivos móbiles

venres, 30 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Quince anos despois do seu lanzamento o xogo Heroes of Might & Magic III regresa nunha edición en alta definición que xa está dispoñible para PC por 14,99 dólares (ou 14,95 euros), e na App Store e en Google Play por 9,99 euros, facilitando que este clásico poida estar dispoñible para un grande público nunha versión actualizada principalmente a nivel gráfico.
Este xogo de estratexia por quendas chega agora con gráficos máis definidos, adaptado a pantallas panorámicas, con 7 escenarios de campañas, uns 50 mapas e multi-xogador local, destacando a versión de PC por integrar novas posibilidades multi-xogador en liña, mentres que en dispositivos móbiles as novidades centráronse en adaptar o xogo a pantallas táctiles.
Temos agora menos desculpas para desembarcar neste mundo épico no que loitar contra dragóns negros, arcanxos, demos e nigromantes para unir os devastados territorios da raíña Catalina Puño de Ferro e conquistar de novo o Reino de Erathia.

No xogo haberá que reconquistar o Reino de Erathia
O universo de Might & Magic non esquece ás criaturas mitolóxicas nos seus combates


Trailer de Heroes of Might & Magic III: HD Edition

PUBLICIDADE