Home Hub e Pixel Slate, novos produtos de Google que non sabemos se chegarán a España

martes, 9 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Google non quixo limitar o evento de presentación do seu novo smartphone estrela a un único produto, e aproveitou a ocasión para amosar máis hardware, como a tableta Pixel Slate e o novo Google Home Hub, produtos que avanzan na liña que vén a seguir a compañía nos últimos anos, e dos que polo momento é unha incógnita cando os veremos en España, pois nin sequera está figuran en reserva na tenda en liña de Google.
A tableta Google Pixel Slate é un produto orientado á produtividade, que funciona con Chrome OS, integra o Asistente de Google e tamén permite correr aplicacións da tenda oficial de Android, no que podemos entender que sería un Pixelbook sen teclado (poden empregarse cunha funda-teclado e mesmo cun lapis dixitalizador), pero en vista de que o portátil de Google con Chrome OS non se comercializa en España, non sería de sorprender que a tableta que segue o mesmo camiño tamén rematase como un produto inédito no noso territorio.
A Pixel Slate ten unha pantalla de 12,3 polgadas cunha resolución de 3.000 x 2.000 píxeles, cámaras traseira e frontal de 8 Mpíxeles cada unha, Wi-Fi AC, lector de pegadas dixitais, 2 portos USB-C (para carga, saída de vídeo 4K ou transferencia de datos rápidas), batería cunha autonomía de até 10 horas e un amplo abano de configuracións de procesador e memoria, que parten dun Intel Celeron con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno (a un prezo de 599 dólares) até un Intel Core i7 de 8ª xeración con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno (a un prezo de 1.599 dólares).

Vídeo de presentación da Google Pixel Slate

Outro produto interesante é o Google Home Hub, que sería a versión tableta dos altofalantes Google Home, ou sexa, unha tableta conectada a unha base e á que podemos darlle ordes de voz, pero que ao presentar unha pantalla de 7 polgadas permite máis posibilidades como ver vídeos, buscar en Google, ver fotografías, acceder a cámaras de seguridade ou incluso consultar receitas mentres cociñamos.
Nesta liña a propia Google xa anunciara no verán o Lenovo Smart Display, que véndese en tamaños de 8 e 10 polgadas, mentres que a compañía de Mountain View optou por unhas máis compactas 7 polgadas, emulando ao seu competidor máis directo, o Echo Show de Amazon.
Temos aquí un produto máis dentro da estratexia de fogar conectado que están a seguir as grandes tecnolóxicas, pero polo momento a súa comercialización limítase aos EE.UU. a un prezo de 149 dólares. Adicionalmente tamén se confirmou a renovación do Chromecast, de xeito que polo mesmo prezo hai agora unha versión actualizada, cun acabado diferente, con mellor conectividade Wi-Fi e con algunha actualización adicional como o xeito de poder combinarse con altofalantes Google Home para reproducións musicais multiroom. Polo momento non hai data para a chegada deste novo modelo a España.

Vídeo de presentación do Google Home Hub

PUBLICIDADE