HomePod mini, o altofalante conectado de Apple que poderá mercarse por 99 euros

martes, 13 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O evento de Apple máis agradado do ano non quixo abrir presentando directamente o novo iPhone, senón que botou a andar cun produto rumoreado dende hai bastantes meses, e que atende a unha necesidade de moitos usuarios do ecosistema de produtos de Apple, o HomePod mini, que como principal baza ten o seu prezo de 99 euros que contrasta cos 329 euros do HomePod orixinal (que é precisamente o factor que fai que sexa un produto pouco popular).

O último Echo Dot ten un formato moi semellante ao do HomePod mini

O HomePod mini comparte a vocación do HomePod, que é servir como un altofalante conectado no fogar que aposta pola calidade sonora, aínda que tamén goza dalgunhas funcións de asistente de voz (moi por detrás da competencia), e curiosamente aposta por un deseño esférico de 8,4 centímetros de altura, o que non sorprendería tanto se non fose porque o Echo Dot de cuarta xeración de Amazon, que sairá á venda a semana que vén, ten tamén unha forma semellante e case as mesmas dimensións (mide 8,9 centímetros de alto) aínda que véndese a un prezo de 59,99 euros e incluso é compatible con Apple Music, o que non pon as cousas doadas ao novo altofalantes conectado da compañía da mazá.
Pero a desvantaxe competitiva do HomePod mini no mercado xeral pode paliarse coa súa boa sintonía co resto de produtos de Apple, xa que pode empregarse dun xeito moi natural dende o iPhone, dende un Mac e incluso dende un Apple TV, e grazas a que o seu prezo non é tan elevado como o do seu irmán maior, a compra de 2 altofalantes para permitir a reprodución musical en estéreo será a opción de moitos (especialmente se queren aproveitalos como altofalantes do Apple TV, xa que é un xeito práctico de enriquecer a experiencia audiovisual sen cables).
O altofalante integra 3 micrófonos orientados a captar a voz do usuario, xunto cun cuarto micrófono orientado cara ao interior para illar o son que provén do propio altofalante e así mellorar a detección da voz mentres se escoita música. Coas ordes vogais Siri pode responder a preguntas, controlar a domótica ou reproducir música e podcasts, aínda que as funcións de voz tamén serven para comunicar á familia, xa que os altofalantes poden empregarse a xeito de intercomunicador entre estancias do fogar.
Este novo altofalante sairá á venda o 16 de novembro.

Vídeo promocional do HomePod mini

PUBLICIDADE