Honor X30, un móbil de gama media con marcos moi reducidos

xoves, 16 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A marca Honor continúa a progresar e aínda que non consegue facerse coa cota de mercado de Huawei, si está a fornecer un catálogo de móbiles moi atractivo e cos servizos de Google, de xeito que teñen moitas bazas para converterse en produtos con boa aceptación comercial, aos que agora se incorpora o Honor X30, teléfono que destaca por unha frontal con marcos sumamente reducidos, detalle pouco frecuente en dispositivos de gama media.
O Honor X30 destaca principalmente pola súa pantalla IPS de 6,81 polgadas con resolución Full HD+ e un refresco de 120 Hz, cunha perforación para acoller unha cámara frontal de 16 Mpíxeles, mentres que na súa traseira ten unha cámara tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles.
Este móbil cun procesador Qualcomm Snapdragon 695 conta con 6/8/12 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno; inclúe tamén soporte para dual SIM, lector de impresións dixitais lateral, conectividade 5G e batería de 4.800 mAh con carga rápida de 66 watts.
Pero o máis rechamante deste novo teléfono é o seu prezo parte dos 1.499 iuans (208 euros), xa que o seu aspecto exterior dá a entender de que se trata dun dispositivo bastante máis caro.

PUBLICIDADE