Howarts Legacy chegará a PS4 e Xbox One o 5 de maio

luns, 6 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Hai un mes chegou a PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S un dos xogos que máis visibilidade conseguiu nas últimas semanas, Hogwarts Legacy, coa previsión de chegar a máis consolas nos vindeiros meses, para que así os seareiros do universo de Harry Potter poidan gozar destas novas aventuras na súa máquina, pero o calendario de lanzamentos vén de adiarse lixeiramente para garantir que os usuarios de consolas da anterior xeración teñan unha boa experiencia.
Deste xeito os usuarios de Xbox One e PlayStation 4 terán que agardar ao 5 de maio para poder mercar Hogwarts Legacy, mentres que os posuidores da Nintendo Switch non poderán gozar do xogo até o 25 de xullo. Falamos dun adiamento moi lixeiro, especialmente se temos en conta que o xogo estaba inicialmente previsto para 2021, polo que a acumulación de retrasos foi realmente importante, pero o grande éxito do título dá a entender que foi a decisión axeitada.
Entre mostras do éxito de Hogwarts Legacy temos que foi o título para un xogador máis visto en Twitch (con máis de 1,28 millóns de espectadores simultáneos) e nas súas dúas primeiras semanas tería superado os 12 millóns de unidades vendidas, xerando 850 millóns de dólares en vendas globais, constatando que a ilusión dos xogadores que se criaron gozando desta franquía pesa moito máis que os boicots contra a súa creadora, J. K. Rowling.

PUBLICIDADE