Huawei anuncia un tablet de 7 polgadas con funcións de teléfono

martes, 16 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Huawei anunciou hoxe o seu novo tablet MediaPad 7 Youth, que chegará a Europa durante o terceiro trimestre do ano, e que quere chamar a atención co seu elegante corpo metálico dunha peza, cun grosor de 9,9 milímetros, un peso de 350 gramos e a posibilidade de empregar a súa conectividade HSPA+ tanto para datos como para falar por teléfono e mandar e recibir SMS e MMS.
O Huawei MediaPad 7 Youth terá unha pantalla táctil de 7 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,6 GHz, Wi-Fi, batería de 4.100 mAh e sistema operativo Android 4.1. Pretende servir para conectarse á Rede, ver contidos multimedia, xogar, acceder a redes sociais e mesmo falar por teléfono nun tamaño o suficientemente compacto como para facilitar o seu transporte, e cunha versatilidade que busca achegalo a un público mozo, tal e como indica o seu propio nome.

PUBLICIDADE