Huawei denuncia o acoso do Goberno dos EE.UU.

mércores, 4 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O conflito de Huawei cos EE.UU. parece estar a enquistarse, e como expoñente do mesmo temos agora como a compañía deféndese publicamente dunha denuncia sobre patentes publicada polo Wall Street Journal deixando claro que a compañía non infrinxiu patente algunha e aproveitando a ocasión para arremeter contra o Goberno dos EE.UU. expoñendo as malas prácticas que están a realizar contra a compañía chinesa.
O caso de infraccións de patentes provén do ano 2014, cando Rui Pedro Oliveira xuntouse con representantes da división estadounidense de Huawei para amosarlles un deseño de cámara que non interesou á compañía, e catro anos despois recibiron unha reclamación de Oliveira acusándoos de copiarlle o seu deseño coa cámara EnVizion360 (algo bastante difícil de soster se vemos a comparativa entre ambos produtos que difundiu Huawei, na que resulta imposible atopar similitudes entre unha cámara 360 de dobre lente cunha cámara cun obxectivo con zoom). Dende Huawei consideran que están ante un caso de extorsión no que Oliveira está a aproveitar a difícil situación que está pasar a compañía asiática.
Pero o máis interesante do comunicado de Huawei é que denuncian as malas prácticas do Goberno dos EE.UU. para impedir as operacións ordinarias de Huawei e os seus socios, que incluirían ameazas e coaccións a traballadores de Huawei para volverse contra a empresa; rexistros e arrestos ilegais a traballadores de Huawei; simular ser traballadores de Huawei para crear os pretextos legais para actuar contra a compañía; lanzar ataques cibernéticos para infiltrarse nos sistemas informáticos de Huawei; enviar axentes do FBI aos fogares de empregados de Huawei para presionalos para que recollan información da compañía; mobilizar e conspirar con compañías que traballan con Huawei ou teñen conflitos coa empresa para lanzar acusacións infundadas contra a mesma; iniciar investigacións contra Huawei baseadas en informes falsos; retomar vellas causas civís pechadas para tentar soster acusacións de roubo de tecnoloxía contra Huawei; e obstaculizar as actividades empresariais de Huawei mediante a intimidación, denegación de visados ou retendo envíos.
Dende Huawei limítanse a denunciar as malas prácticas do Goberno dos EE.UU. para prexudicar as actividades e a imaxe de Huawei, para evitar que manteña a súa posición de liderado na industria, aínda que polo momento parece que a compañía chinesa leva as de perder.

PUBLICIDADE