Huawei presenta os novos Mate 30 e Mate 30 Pro baixo a sombra do bloqueo estadounidense

xoves, 19 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A presentación dos novos smartphones de Huawei chegou con grande expectación, non polo interese polo novo hardware, senón pola curiosidade do público por saber como atallarían o bloqueo estadounidense aínda en vigor, e finalmente cumpríronse os malos presaxios, e os novos dispositivos non chegarán coas aplicacións de Google nin a súa tenda de aplicacións, senón cunha versión personalizada de Android 10 xunto á tenda de aplicacións propia de Huawei, aínda que confíase que cando os móbiles cheguen ás tendas inclúan un instalador dos servizos de Google como fan moitos outros fabricantes chineses (de xeito que a responsabilidade do uso destas aplicacións recae no usuario, de xeito que nin Google nin Huawei violarían o embargo da Casa Branca).
Aínda que o xeito no que se resolva a incorporación das aplicacións de Google será crucial para a aceptación destes novos móbiles, no que ás súas prestacións se refire podemos asegurar que estamos ante uns terminais chamados a liderar o mercado, podendo situarse a carón dos novos iPhone e dos teléfonos insignia de Samsung, tendo moitas bazas para chegar incluso a adiantalos en varios apartados relativos ás súas cámaras, aínda que para iso haberá que agardar a que cheguen ao mercado os dispositivos de Apple e Huawei, para que así poidan someterse a probas de uso reais.
Os móbiles presentados son basicamente o Huawei Mate 30 e o Mate 30 Pro, existindo versións con e sen 5G de ambos, e tamén unha versión de luxo co selo de Porsche Design que podería considerarse unha simple anécdota (especialmente se consideramos que queren vendelo a un prezo de 2.095 euros).
O teléfono máis modesto sería o Huawei Mate 30, cunha pantalla OLED Full HD+ de 6,62 polgadas, procesador Kirin 990, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 256 GB), cámara traseira tripla de 40, 16 e 8 Mpíxeles, cámara frontal de 24 Mpíxeles, batería de 4.200 mAh con carga rápida de 40 watts por cable e 27 watts por indución (e coa posibilidade de ofrecer carga sen fíos inversa), Wi-Fi 5, Bluetooth 5.1, toma de auriculares, NFC, lector de pegadas en pantalla, sensor de xestos e un prezo de venda de 799 euros.
Máis completo sería o Huawei Mate 30 Pro, con pantalla OLED Full HD+ de 6,53 polgadas, procesador Kirin 990, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 256 GB), cámara traseira cuádrupla (con sensor grande angular e ultra grande angular de 40 Mpíxeles, telefoto de 8 Mpíxeles e un sensor de profundidade), cámara frontal de 32 Mpíxeles, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 40 watts por cable e 27 watts mediante indución (que pode aproveitarse para cargar outros dispositivos), Wi-Fi 5, Bluetooth 5.1, NFC, lector de pegadas en pantalla, sensor de xestos, resistencia IP68, e un prezo 1.099 euros (o modelo con 5G custaría 100 euros máis). Curiosamente este modelo prescinde do porto para auriculares.
Este sería o terminal que chamaría máis a atención, xa que, aparte dunha cámara traseira cuádrupla integrada nunha forma circular que busca que a traseira do teléfono semelle unha cámara fotográfica, tamén opta por unha pantalla con laterais curvos (o que dan en chamar pantalla Horizon) cos que interactuar, de xeito que prescinde dos habituais botóns físicos de volume para simulalos con toques no lateral do dispositivo (permitindo que o usuario decida cal dos lados empregar) de xeito que o botón físico que mantén sería o de acendido/apagado.
A cámara principal do Mate 30 Pro é todo un portento que definen como unha cámara de cine de 40 Mpíxeles, capaz de gravar vídeos con pouca luz, realizar time-lapses de longa duración e gravar vídeos en 4K a 60 imaxes por segundo, poder gozar de zoom óptico de 3x (é até 30x con zoom dixital), o seu sensor de grande tamaño permite disparar fotografías con pouca luz, inclúe un abraiante modo de cámara ultra lenta de até 7.680 fotogramas por segundo que é incluso capaz de rexistrar o movemento das ás dun colibrí; e incluso ten un sensor de profundidade, o que facilita os efectos de desenfoque selectivo en fotografías e vídeo.
O Huawei Mate 30 Pro tamén actualiza o seu sistema de HDR+ baseado en intelixencia artificial, que cada vez recolle mellores instantáneas; consegue autorretratos máis fermosos grazas a un sensor de profundidade integrado na pestana superior da pantalla (que permite reducir o impacto dos factores ambientais na imaxe); permite axustar a súa sensibilidade até un ISO 51.200 en vídeo e de 409.600 en fotografía; e grazas a un dos sensores integrados na súa pestana superior tamén permite un control por xestos (que no pasado incluíron con pouco éxito outros terminais).
Outro detalle interesante dos novos Mate 30 é que cun simple toque poden vincularse co ordenador persoal dende o que veremos a pantalla do teléfono, poderemos controlalo e intercambiar ficheiros dun xeito cómodo e áxil, de xeito que consegue un maior nivel de colaboración entre dispositivos. Pero os ordenadores non son os únicos dispositivos externos cos que se levan ben os novos Mate 30, xa que tamén veñen configurados para poder traballar cos estabilizadores DJI Osmo Pocket 3 sen ter que instalar software adicional, e dende Huawei tamén destacaron a compatibilidade cos flashes fotográficos de estudio Profoto C1 e C1 Plus (que fan máis doado disparar instantáneas cun acabado profesional dende o móbil).
Na presentación dos novos dispositivos tamén resultou rechamante o feito de que os dispositivos vaian estar dispoñibles en bastantes cores, das que que o verde bosque e laranxa corresponderían a acabados en pel sintética, que curiosamente definiron como «pel vegana».
En calquera caso, estamos ante uns móbiles sumamente atractivos, que como chave do seu éxito terá un elemento que pouco ten que ver coa propia Huawei, e que é a súa futura relación con servizos e aplicacións de empresas norteamericanas, e a desconfianza que iso pode provocar no consumidor.

Vídeo promocional dos novos móbiles de Huawei

PUBLICIDADE