Hub+ busca cubrir as carencias de conectividade do novo MacBook

luns, 11 de maio do 2015 Marcus Fernández

Que o novo MacBook de 12 polgadas aposte unicamente por un porto USB-C para as conexións mediante cable pode ser un grande problema para moitos usuarios, e tendo en conta tal atranco Nonda propón un accesorio para o que están a recadar fondos en Kickstarter, o Hub+, que superou o seu obxectivo de financiamento a grande velocidade, e que espérase que os seus mecenas comecen a recibilo no mes de xullo.
Este curioso complemento para o novo MacBook integra 2 portos USB-C, un lector de tarxetas de memoria SDXC, 1 porto mini DisplayPort (capaz de achegar unha saída de vídeo de até 4K a 60 Hz), 3 portos USB-A con capacidade de carga e unha batería recargable (de xeito que incluso podemos empregalo para cargar o noso smartphone, aínda que a súa capacidade é de só 400 mAh). Mide 122 x 39 x 8,55 milímetros e pesa 99 gramos.
O Hub+ pode adquirirse por 79 dólares (84,17 euros cos gastos de envío incluídos)), estando dispoñible en tres cores distintas (para casar co deseño do MacBook), mentres que cando saia á venda tras a campaña de Kickstarter espérase que teña un prezo de 99 dólares. Temos así un produto que presentaría un prezo bastante atractivo, xa que un simple adaptador multi-porto USB-C que inclúa USB-C, USB 3.0 e saída de vídeo custaría 89 euros, mentres que esta solución sería máis completa e económica.

O accesorio pode cargar até 3 dispositivos á vez mediante USB

PUBLICIDADE