IDAPT lanza un cargador universal e ecolóxico para o fogar e para ir de viaxe

xoves, 9 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Para quen ande a procurar un cargador universal que ademais sexa ecolóxico e que, ademais, non lle deixe as contas en números vermellos, se cadra o dispositivo IDAPT i1 Eco é o seu trebello. O cargador, que vén da man da empresa española IDAPT, chega ao mercado a un prezo recomendado duns 19 euros, pode ser usado para devolverlle a vida a tódolos dispositivos móbiles que se nos ocorran, tanto no fogar como de viaxe, que para algo é universal e ten caravilla e porto USB para usar de maneira simultánea. O de ecolóxico vén a conto sobre todo pola súa fabricación, que segundo afirma a empresa responsable da mesma implica só a posta en xogo de materiais reciclados.

O cargador tamén pode empregarse no automóbil

A maiores, incorpora cun sistema que apaga o trebello de xeito automático mentres non se lle está a tirar partido, o que permite aforrar enerxía. Unha cousa máis: supera as normativas Energy Star que certifican a redución da pegada de carbono que se crea á hora de cargar a meirande parte dos nosos trebellos.
Respecto á súa compatibilidade, o cargador inclúe un sistema de caravillas intercambiables, adaptable a máis de 4.000 móbiles e que deixa marxe de abondo para que sexa o noso alimentador único para tódolos dispositivos que teñamos na casa ou que levemos de viaxe. A empresa garante a compatibilidade con futuros modelos de gadgets que saian ao mercado. Inclúe un enchufe de parede e máis un adaptador de coche “que produce un impacto mínimo sobre o medio ambiente”.

PUBLICIDADE