IOPS BlueQ: reprodutor multimedia con Bluetooth

xoves, 14 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Se ben o fabricante compostelán Blu:sens xa conta co seu propio reprodutor multimedia portátil con conectividade Bluetooth para a transferencia de contidos sen fíos, este tipo de funcionalidades parecen interesar a outras marcas que preparar dispositivos coma o IOPS BlueQ, que virá preparado para o seu uso con auriculares Bluetooth (o que pode resultar interesante para os usuarios que queiran levar o seu reprodutor nun peto ou nunha mochila mentres escoitan as súas cancións favoritas sen ter a incomodidade dos cables).
O novo reprodutor venderase con capacidades de 1, 2 e 4 Gb, e soportará ficheiros de son MP3 e WMA, imaxes JPEG e vídeos en MPEG4 e Flash.
Tamén incorpora sintonizador de radio FM e unha pantalla TFT de 1,8 polgadas. Aínda que a conectividade Bluetooth pareza o elemento chave dos reprodutor, moitos usuarios potenciais destacarían a súa autonomía, pois podería chegar ás 33 horas de reprodución contínua.

PUBLICIDADE