Imatia aposta na Coruña por un centro de operacións innovador e ampliábel

luns, 19 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Dende o pasado verán, a empresa galega Imatia conta con sede seu na Coruña, un centro de actividade máis acaido (máis amplo, máis suxeito a novos procesos de creación e evolución) para as novas necesidades da compañía, un dos máximos expoñentes galego e estatal en materia de desenvolvemento web e traballos de dixitalización.
Segundo nos conta a empresa este mes de febreiro, o novo centro de operacións (emprazado no Parque Empresarial de A Grela e substituíndo as anteriores dependencias da Coruña, inauguradas en 2009) é unha resposta ao crecemento da firma nos últimos anos. Un crecemento impulsado pola actual demanda dos seus produtos e servizos de software, que motivou o medre do cadro de persoal, a día de hoxe constituído por un centenar de empregados (repartidos entre a oficina da Coruña e a de Vigo).
“A isto”, sinala Imatia, “cómpre engadir as actuais necesidades de contratación da empresa, as cales se poden consultar na nosa sección de emprego, que incrementarán o noso persoal nun futuro próximo”.
O novo espazo de traballo está situado no Parque Empresarial de Agrela, en palabras de Imatia “o principal motor económico-social da Coruña e do norte de Galicia”, onde comparte localización con outras 550 empresas que dan traballo a máis de 20.000 persoas. As oficinas actuais ocupan 750 m2, aínda que o espazo total alcanza os 1.300 m2, tendo así marxe suficiente para futuras ampliacións.

PUBLICIDADE