Immersit quere menear o noso sofá para engadir realismo a xogos e filmes

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Nas salas cinematográficas fíxose unha prestación bastante habitual a existencia dunha serie de asentos premium por figurar nas mellores fileiras e incluír un sistema de vibración que facía máis realista a experiencia audiovisual, e para quen queira levar esta experiencia ao seu salón doméstico para gozar de videoxogos e películas busca facerse realidade en Kickstarter o sistema de vibración Immersit. Falamos dun dispositivo que instálase debaixo do noso sofá, xerando a cantidade de patróns de movemento e vibracións que recreen dende explosións até movementos máis sutís, podendo axustarse a intensidade da vibración e podendo aplicarse a xogos e filmes, existindo un modelo básico que achega só vibración (que custaría 215 euros máis gastos de envío), mentres que para facerse cunha unidade que tamén achegue movemento sería preciso facer unha achega bastante elevada (a partires de 779 euros máis portes).
Espérase que esta tecnoloxía poida chegar aos seus mecenas no outono, e os seus responsables aseguran que é compatible con xogos de consolas Xbox e PlayStation e ordenadores persoais, estando adaptado a máis de 120 videoxogos, mentres que para as películas conta cun software que traduce os movementos nos filmes para traducilos en movementos e vibracións que contribúen a somerxerse máis na ficción audiovisual, podendo estar as obras en practicamente calquera formato (DVD, Blu-ray, streaming...), aínda que precisa recoñecer o filme para sincronizar os movementos ao que se ve en pantalla.
Inmersit tamén promete ser quen de replicar os movementos das novas gravacións con cámaras tipo GoPro ou vídeos de 360 graos, de xeito que pódense revivir grandes momentos dun xeito moi realista.

PUBLICIDADE