Improving Metrics e Itelsis, distinguidas polas cámaras coruñesas no Premio Peme do Ano
martes, 6 de xuño do 2023
A
empresa ABN Pipe, con sede na Coruña e dedicada á fabricación de
sistemas de tubaxes e compostos de materiais termoplásticos para os
sectores da edificación, a obra civil e a industria, recibiu este
martes 6 de xuño o Premio Peme do Ano 2023 da Coruña, un galardón
que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio da Coruña e
Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de España e o
diario La Voz de Galicia.
O
director de Administración e Finanzas da compañía, Manuel López,
foi o encargado de recoller o galardón, nun acto que se celebrou na
sede da Cámara e no que participaron Antonio Couceiro, presidente da
Cámara da Coruña; María Pais, presidenta da Cámara de Santiago;
Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía;
Rocío Pazos, directora territorial do Banco de Santander en Galicia;
José Ramón Riobóo, deputado provincial da Coruña; Manuel Galdo,
director xeral da Cámara de Comercio da Coruña; e Alfonso Andrade,
delegado na Coruña de La Voz de Galicia.
Ademais,
concedéronse catro accésits nas categorías de
Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e
Emprego; e Empresa Sostible.
O
Accésit de Internacionalización outorgouse a Siotic Spain
(Improving Metrics), afincada na Coruña e adicada á analítica de
datos e a estratexia dixital. Destaca polas súas solucións de alta
calidade baseadas no deseño, análise, extracción e explotación de
datos de activos dixitais, segundo informou o xurado.
O
Accésit de Innovación e Dixitalización recaeu na empresa de
Santiago de Compostela, Sistemas Audiovisuais Itelsis, en palabras do
xurado “unha compañía tecnoloxicamente avanzada que dispón do
30% do persoal dedicado a labores de I+D, o que confirma o compromiso
da compañía coa investigación como piar que sustenta o progreso
tecnolóxico da empresa”.
O
Accésit de Formación e o Emprego concedeuse a Gabadi, da Coruña.
Gañadora da anterior edición do Premio, é unha empresa do sector
auxiliar naval que conta con diversas liñas de negocio para os
sectores civil e militar. Con presenza nacional e internacional, está
altamente comprometida coa xeración de emprego de calidade.
E,
por último, o Accésit de Empresa Sustentábel foi para Gestán
(Contedores da Coruña), dedicada á xestión integral de residuos
procedentes de calquera sector industrial. Dispoñen de centros
autorizados de almacenamento, valorización e venda de produtos
recuperados, ademais de loxística propia para o transporte de
residuos.
Na
entrega de distincións, o presidente da Cámara da Coruña, Antonio
Couceiro, puxo en valor “a constatación da existencia dun armazón
empresarial na nosa provincia, sólido e puxante, conformado por
pemes fortes, innovadoras, competitivas e sustentábeis e en moitos
casos con clara vocación cara aos mercados exteriores”. E engadiu:
“Esta é sen dúbida a mellor garantía para o desenvolvemento
sostido e respectuoso co medio natural da nosa sociedade. As nosas
empresas son motor de xeración de riqueza e benestar e hai que poñer
en valor o papel que desempeñan”.
O
acto foi clausurado por Francisco Conde, que animou “ao tecido
empresarial galego a seguir innovando para responder os retos da
transición enerxética e dixital”. E engadiu: “Neste contexto de
cambios a Administración ten que acompañar ás empresas e facilitar
que as pemes e autónomos teñan as mesmas facilidades que as grandes
compañías no acceso aos fondos europeos Next Generation,
fundamentais na transformación económica e industrial de Galicia”.